Video da entrevista a Mariano Abalo e ó Foro Social en Vieiros
Abril 28, 2008
Mirade aquí o mapa da desfeita realizado por Galiza Non Se Vende
Mirade aquí o mapa da desfeita realizado por Galiza Non Se Vende

Nese ano Clara Millán aseguraba que non se opoñía ó porto deportivo, pero sí a que se constrúise nunha zona de gran riqueza pesqueira e marisqueira. Criticaba o «uso perverso» do termo progreso e compartía a preocupación dos mariñeiros. * Por iso, a día de hoxe, só o Foro e a Confraría tomaron medidas legais ó respecto.
O Bng cangueiro, seica non ía aprobar convenios á marxe do PXOM * Tal cousa vén recollida no pacto de goberno do tripartito. Así e todo, polo modus inoperandi de BNG e PSOE, é obvio que dalgunha forma seguen vixentes e Cangas segue a estar hipotecada.
Clara Millán, afirmaba tamén que o goberno cangueiro do PP tiña un único obxectivo: aproba-los convenios de Massó e Aldán. Non lles «importaba en absoluto», aseguraba a edil, o resto del territorio a ordenar. * A eles si que lles importa si, sobre todo con operacións tan racionais como a Unidade de Actuación Número 5. Na devandita actuación, malia os votos en contra de ACE, non lles importou, se fixese falta, que algún veciño quedase sen vivenda ou a expensas dalgún garaxe para acubillarse.
O Concello tratou daquela a moción do concelleiro Mariano Abalo pedindo a paralización das obras. O alcalde cangueiro alegara que o Concello non tiña potestade sobre as actuacións que se realizan no mar, pero sí sobre as edificaciones en terra. * A portavoz do BNG, Clara Millán, entendía que o goberno cangueiro ten que actuar. O contrario significaría, constatar unha dobre linguaxe por parte do alcalde. E agora… mira quen baila!
No 2005 pola súa banda, o BNG pide a Sotelo que lle «deixe claro» á promotora que nos terreos de Massó non se pode facer nada do proxectado xa que o PXOM está paralziado. «O chan do que se fala é, na actualidade, chan industrial», recorda Clara Millán. * Quizais agora habería que recordarlle a Clarita que a urbanización de Foster nin o porto deportivo non teñen nada que ver con este tipo de usos…
Algúns pediron explicacións ó BNG por non se sumar ás concentracións diarias para paraliza-lo porto deportivo. Clara Millán deixou claro que o Bloque decidira non seguir esta forma de protesta aínda que é contrario á ubicación do porto. Anunciou que a conselleira de Pesca explicaría no Parlamento a súa postura respecto a este asunto en resposta a unha pregunta do BNG.* Dende logo foi o único que fixeron, porque o que é facer vale-lo seu peso de goberno… nanai. Iso si, o señor Quintana na campaña para as nacionais do 2005 veu a encherse a boca ó auditorio dicindo que de chegaren a formar parte de goberno da Xunta o proxecto de Marina Atlántica e Caixanova non se efectuaría. Quin!!! Onde andas…???
O Bloque adianta xa unha condición para falar do convenio de Massó: o traslado da nave de Frigoríficos. Clara Millán di que recalificar O Salgueirón de industrial a residencial é incompatible con manter esta actividade na zona. * Moi bien, moi bien, moi bien… e agora, non é incompatible ou?
O BNG, a través de Clara Millán, atopa o proxecto de Foster “interesante a nivel arquitectónico”. * Aquí, amais de amosarse abertamente a prol da marbellización de Massó, denota que o “horterismo” abrangue tódolos niveis da súa vida. En definitiva, o que é “hortera” écho pra todo. Iso si, cando os veciños amosaron a súa disconformidade co proxecto, ela, dun día pra outro, converteuse no baluarte virtual anti-Marina Atlántica. Pero claro, as municipais estaban preto…
Amais dos membros de colectivos sociais, na protesta tamén se fixeron notar algúns representantes políticos, sobre todo do BNG e a FPG. Así, na longa ringleira humana atopábanse os voceiros de ámbolos dous grupos municipais, Clara Millán e Mariano Abalo, así como edís da primera formación. (máis dun millar de persoas en contra del porto) *
O BNG lembra que a proposta deriva dun convenio urbanístico que quedou anulado coa suspensión do Plan Xeral, e que o prego de bases para o novo documento advirte que calquera proposta deste tipo debe formularse trala presentación do avance. “Antes desa fase non lle darémo-lo visto e prace”, advirte a voceira, Clara Millán. * Si, e agora, no 2008, se por ela fose, as obras de Massó irían para adiante antes de que Urbanismo presente a debate o avance no Consello Sectorial.
Neste periodo, a voceira do BNG, Clara Millán, tamén recoñece que o vicepresidente da Xunta, o tamén nacionalista Anxo Quintana, foi informado por Ubaldino Rodríguez das súas intencións en Massó, aínda que non comprometeu o seu apoio ó proxecto (pero tampouco llo denegou como dixera no auditorio que ía facer), “como sí fixo Fraga” dixo ela. “Quintana sempre dixo que o PXOM de Cangas será o que los veciños queramos que sexa, e o futuro do Salgueirón será o que queira o Concello” * Boa frase, pero iso dependerá de que o Concello funcione como unha axencia inmobiliaria ou como a casa do pobo.
Clara Millán, e por ende o seu grupo político, estimaba incompatibles o uso náutico-deportivo e industrial-comercial en Massó, e solicitaba, moi digna, a desafección como zona de servizo portuario dos terreos de Punta Balea, onde se localiza, segundo ela mesma, un “espazo natural de alto valor ecolóxico”. Amais, clamaba toda chea, que se garantise o acceso público na totalidade dos terreos, e que se definise a ocupación da lámina de agua e se incorporasen tódolos informes de sostentibilidade e impacto ambiental que esixe a lei para estes casos. *
O BNG e o PSOE entenden que o plan de Marina Atlántica debe ser parte do Plan Xeral. «Cangas é un todo, non son partes», afirma Clara Millán. Clara Millán calificou a proposta de interesante. Advirte, nembargantes, que para falar da recalificación de Massó hai que negociar contrapartidas. * Fan falta máis datos para ver a que xoga esta xente?
Xa no mitin que deu no auditorio perante as eleccións do 27 de maio (o7), * a candidata do BNG á alcaldía, Clara Millán, animou á xente de Cangas a sumarse ó proxecto nacionalista “para desterra-las políticas urbanísticas basadas na especulación”. Debe ser por iso que agora se boicotea a tarefa de Urbanismo no tripartito e se poñen trabas á adquisición de subvencións.
Para tranquilidade dos veciños, Quintana recalcou que cun goberno do Bloque acabaríanse as especulacións urbanísticas e faríase un PXOM «con honradez». *
Neste sentido, Clara Millán lembrou que as medidas de protección do litoral adoptadas polo goberno municipal do PP na lexislatura 1995/99, era “unha normativa que perseguía a destrución no noso territorio que provocaran actuacións do PP, na persoa de Xosé Cuiña, retirándolle as competencias urbanísticas ó concello”.
Por último, a candidata do BNG comprometeuse a impulsar a vivenda protexida e o solo industrial de xeito ordenado; a compatibilizar o turismo co mantemento da identidade de Cangas e a mellorar a situación das parroquias do concello, “que non só son unha reserva de terreos, senón lugares onde vive xente”. Quizais habería que poñer novamente en exposición na Capela do Hospital o proxecto Foster para que a alcaldesa se decatase de que este contempla chalés de luxo.
A alcaldesa de Cangas, Clara Millán, entra de cheo na rolda de conversacións que os promotores do proxecto Massó manteñen cos dirixentes políticos do municipio. A rexedora mantivo onte un encontro con Ubaldino Rodríguez, xerente do grupo Atlántico e un dos promotores, no Club Financiero de Vigo. A rexedora local nin desmentiu nin confirmou o encontro, simplemente se limitou a manifestar que non había ningunha noticia que comentar ó respecto. Tampouco facían falla eses comentarios. Agora se ve.
“Se hai acordo en Massó, haberá porto deportivo e urbanización”, soltaba a nosa protagonista na Voz. ¡Ahí, con dos cojones!
O BNG considera positivo que se fixe un calendario de negociacións das que debe saír un acordo, pero considera a proposta que defende Abalo como “unha máis”, e non a que representa o sentir do goberno. A que debe representa-lo sentir do goberno deben se-las coincidentes coas vontades e designios que para con Massó ten Caixanova… É de supoñer, como Clara non intercede na paralización das obras como fixo o rexedor moañés con Ayster nunha obra de competencia da Autoridade Portuaria. E aínda hai faciana para iso é moito máis cando a señora abadesa saca un informe elaborado en media tarde para tratar de xustificar a súa non intervención. Por esta causa xa está procesada por omisión, por certo, xunto coa secretaria.

Preciosa canción e letra máis que retranqueira…, agora seica lle toca a LAB
A meirande parte dos medios non se fixo eco, pero as novas mobilizacións veciñais fronte á inminente envestida de Marina Atlántica xa comezaron. Por iso, hai uns días espertamos co desmantelamento do valado das obras do porto deportivo e da aparición dunha rechamante pintada contraria ó proxecto no peirao da Baleeira. E para un medio que recolle a nova (Diario de Pontevedra) tilda as accións como “actos bandálicos”. Onde se mirou semellante ineficacia informativa! Isto é devolvernos o que nos pertence, as vistas o mar. Actos bandálicos son rompe-lo inmobiliario público logo de facer botellón, e non o intento de preserva-lo noso entorno e non deixar vender terreo público ó mellor postor. Amais, todo sexa dito, ó parecer ese valado non foi colocado co permiso do Concello (si, xa sabemos que se facía falla as poñía o mesmo Sotelito), cando menos, non pola vía correspondente, é dicir, pedindo o permiso necesario.

Cambiando xa de tercio…, os cangueiros acabamos de coñecer por extenso o Estudo de Usos Públicos e Sociais para a Recuperación Natural e Patrimonial do Ámbito do Salgueirón efectuado, por encargo da Concellería de Urbanismo, por A Oitava Illa. A acollida foi moi positiva e queda aberta á crítica, por mínima que sexa, e ás modificacións que a cidadanía considere pertinentes. Verdadeiramente, este traballo convence e cumpría, máis ca en ningún outro momento, poñer outra alternativa enriba da mesa para evitar ve-la área marítimo-terrestre da contorna de Massó abocada á desfeita e á barbarie urbanística. Ata o de agora só coñeciámo-lo proxecto de Marina Atlántica e Caixanova que, a estas alturas, tamén sabemos o que significa (centro comercial, macro-urbanización e hotel a pé de costa, porto deportivo de dimensións descomunais, desaparición do último reduto forestal no núcleo urbano…).
Cunha filosofía radicalmente oposta, o traballo feito a instancias de Mariano Abalo xorde como unha reacción perante a inoperancia da Autoridade Portuaria que insiste en permiti-la instalación do porto deportivo aínda sabendo as ilegalidades que conleva de efectuárense os plans que para Cangas vén trae-lo señor Ubaldino Rodríguez Bello. Ás autoridades semella
non importárlle-la media ducia de denuncias interpostas e o contencioso que ten aberto a Confraría de Pescadores San Xosé.
A nova proposta pretende ser un punto de partida a ter moi en conta na redacción do PXOM, por iso é mester que sexa aceptada baixo consenso por todo o tecido asociativo así se leve ó Consello Sectorial de Urbanismo.

Cómpre, tamén, poñer ás forzas políticas do PSOE e BNG ó rego para que deixen de se situar do lado dos especuladores cos que as súas cúpulas teñen, indubidablemente, tanta relación e tanto compromiso. Nembargantes, lembrémo-las palabras de Quintana nun mitin celebrado no Auditorio Municipal co gallo dos comicios nacionais do 2005. Daquela prometera que, dechegaren á Xunta, o proxecto de Foster non se levaría a cabo. Ben, agora o Bloque está na Xunta xunto co PSOE e non só non miramos que se impida, senón que a defenden cando non a abandeiran. Precisamente por iso non resultou rechamante que, na presentación do estudo da Oitava Illa para os partidos celebrado no Concello hai unhas semanas, os concelleiros do BNG e mesmo a alcaldesa (cuxo parecido con Ana Botella vai máis aló do físico) non deixaban de preguntarlle ós técnicos polo porto deportivo. Parecían indignados por non esta-lo porto recollido na proposta de Urbanismo se xa estaba concedido pola Autoridade Portuaria.
Mentres uns andan nestas, outros prepáranse e organízanse para continua-la resistencia e incidir de xeito decisivo no momento decisivo e definitorio que estamos vivindo para o futuro da nosa vila. Por iso, perante o recente anuncio de Marina Atlántica de retoma-las obras (con ou sen moratoria), os veciños xa se están a mobilizar. De aí o desmantelamento do valado das obras, protagonizado por uns descoñecidos e a aparición dunha ben visible pintada contraria á execución do porto feita no peirao da Baleeira. Tamén, o Foro Social xa anunciou que incidiría na paralización forzosa ó tempo que xestiona a través de canles burocráticas e xudiciais. Este reagrupameto de colectivos (no que se inxire a priori o BNG) a prol da preservación patrimonial e natural así como do urbanismo racional, xa fixo público o seu visto e prace á proposta de Abalo saudando este xeito de entende-la planificación urbana, que é propia dos lugares máis avanzados e non da escoura marbellí na que nos queren converter.