ATA SEMPRE, JON IDÍGORAS
ÍDIGORAS E O FARO

Foi o pasado mes de xuño cando tivo lugar o pasamento de Idígoras e fonda a tristura pola perda deste paladín da democracia popular. Daquela, animárame eu a escribir unha especie de artigo-homenaxe para que fose publicado nunha sección do Faro de Vigo que se denomina, paradoxicamente, “Tribuna Libre”. Si, xa sei… somentes a un tolo se lle ocorrería pretender que un artigo desas características fose publicado na prensa que traballa por e para o pensamento único. Amais sabendo que eses merdeiros logo lle pasan o DI a chacurrada. Iso é certo, pero eu sónchevos así. E amais teño o defecto de que, aínda que calado e bastante tímido, me gusta provocar ó inimigo. Tanto é así que, naqueles días fun, en persoa, a facer entrega do escrito ás oficinas do Faro en Cangas. Atendeume un fulano que eu coñecía de vista e do que xa non tiña moi boas referencias. Díxenlle o que quería e dinlle o escrito que cumpría todolos requerimentos formais para ser publicado. O guicho só con mira-lo título ficou aquelado e estivo un chisco sen levanta-la ollada do papel. Quizais tiña medo dos seus superiores se ese artigo mentando a Idígoras saíse publicado. Ou quizais a descomposición da súa face se debese a súa ideoloxía sostida pola máxima “sempre dentro da legalidade”. E como a Lei de Partidos é a legalidade e só o que colle dentro dela é democrático, anula calquera discrepancia outorgándolle á mesma o carácter delitivo ou cuase-delitivo. Só dixo que non había problema. Estiven inenterrompidamente durante semanas mirando o Faro a ver se, por casualidade, o artigo saía publicado.
Finalmente non houbo publicación, como xa saberedes. Por iso, desta volta, aproveito o espazo de luz que ofrecía A Gadoupa e que agora me abren neste blog, para adxuntar o artigo que quixen meter no xornal en cuestión. O escrito, en por si, non ten nada. Se vos digo a verdade é a cousa máis cutre e con menos argumentos que publiquei na miña vida (iso sen ter en conta moitos dos meus exames). O problema, xa sabedes, é outro. Onde ficou a liberdade de expresión? Así e todo, deixovolo para que o leades.
Por certo, estou agardando o devandito xornalista e espetarlle: “Sigo esperando que se publique o artigo de Idígoras. Ou namais que se pode falar de conachadas?”. E para rematar, con sorna, chamaríalle “demócrata”.
Foi Jon Idígoras un home comprometido que militara no Frente Obrero de ETA, o que provocou a súa detención en varias ocasións ata 1974. Durante o periodo post-franquista fundou KAS, o sindicato LAB e Herri Batasuna. Foi membro das Mesas Nacionais de HB entre os anos 1978 e 1995, así como portavoz desta formación. En 1989 saiu ileso do atentado perpetrado en Madrid polos GAL contra os deputados da esquerda abertzale no que finou Josu Muguruza. En 1997 foi condenado a sete anos de cadea por colaboración con banda armada.
Este home que antes que político se definía como obreiro deixou frases para o recordo das que, a continuación, recompilamos unhas cantas:
“Hemos nacido para la guerra, que necesitamos la paz y vamos a luchar por ella como hicieron nuestros hermanos” (2000).
“Ese va a ser vuestro fracaso, y lo único que vais a conseguir es prolongar innecesariamente el sufrimiento de este pueblo”. Esta foi durante unha manifestación, en referenza á ilegalización de Batasuna (2003).
“Franco no consiguió hacer desaparecer a este pueblo, y menos lo van a lograr los nuevos fascistas del PP y del PSOE” (2004).
“Perteneció a ETA y ahora se ha pasado al PP engrosando la lista de lo que el mundo abertzale llama balseros, en referencia a los desidentes del régimen de Fidel Castro que huyen por mar de la isla”. Isto díxono sobre Iñaki Ezquerra, membro de Basta Ya (2005).
Por último, antes de me pór co devandito escrito do Faro de Vigo, gustaríame dicir a quen lle interese que o diario Gara está a poñer á venda o libro de homenaxe a Jon Idígoras polo módico prezo de 9 euros. Podédesvos informar na páxina www.gara.net . Tamén existe unha autobiografía, xa famosa, titulada “El hijo de Juanita Guerrikabeitia”. E para quen guste das imaxes emotivas tedes secuencias do seu pasamento na páxina www.frentepopulargalega.org.
ATA SEMPRE, JON IDÍGORAS
Moitos bempensantes haberían querer ver no título deste artigo unha ironía contra o xa defunto Jon Idígoras. E no contido do mesmo artigo haberían querer ver un forte asañamento crítico contra a persoa deste histórico dirixente abertxale ou unha felicitación polo seu pasamento. Nada máis lonxe da realidade. Nestes momentos o que lles podo dicir a eses bempensantes é que abandoen de contado a lectura deste xeito porque, de seguro, non lles vai prestar nadiña. Isto non é outra cousa que unha gabanza, ben merecida, a un exdirixente de HB. Claro que non son eu, iso seguro, o máis apropiado para falar dun home con semellante historial e cunhas cantas décadas de loita política ás costas.
Lembrareivos, iso si podo facelo, cando os cangueiros tivémo-la sorte de que nos visitase hai uns quince anos para botarnos un cabo e darnos apoio moral nos conflictos veciñais que de aquela, movían Cangas para bo porto. Era eu bastante novo, así e todo hai videotecas e hemerotecas onde se poden rememorar aqueles instantes nos que un Jon Idígoras pletórico pedía, dende o palco da alameda vella, ós cangueiros que non cometésemo-lo erro de guindar o noso alcalde a ría porque era un sitio ben fermoso que non merecía ser contaminado con xente dun espíritu tan cotrento. Tamén é digno de lembranza os varios centos de votos que conseguira HB da vila de Cangas nas eleccións estatais de aquel ano. Naquela visita instouse a votar a esta formación dado que dende Galicia, aquel ano, non concorría ningún grupo político xeitoso no que os defensores da esquerda real se sentisen identificados. Menos mal que houbo a quen votar, e Idígoras era un bo aliciente, xa o creo.
Moitos politiqueiros que concorren o 19 de xuño deste ano ás autonómicas coas súas agrupacións políticas maioritarias e cos seus programas cheos de palabras insulsas, algúns ata con mentiras, deberían tomar nota ou do verdadeiro compromiso co pobo que podía ter un home coma Idígoras. A xente debería desvia-la ollada do trío que temos no parlamentiño e mirar cara outras opcións, que algunha hai, que darían cuberto as súas espectativas de futuro e haberían de facer máis por acadar un porvir digno para o pobo traballador galego.
Aqueles cangueiros que votaron HB nas eleccións estatais de hai anos, deben saber que fixeron o correcto. Porque votar HB, como agora ANV, ou un pouco antes EHAK, ou Batasuna, é votar polo internacionalismo proletario; é votar contra a explotación do home polo home e contra o capitalismo salvaxe que cobra con milleiros de operarios mortos ó ano. Velaiquí as vítimas do terrorismo patronal que ningunha asociación de vítimas se digna nunca a homenaxear. Vota HB, amigos e amigas, foi votar pola igualdade de sexos, pola non discriminacións das opcións sexuais, polo respeto á cultura, ás linguas minoritarias (con menos falantes, non que sexan inferiores)… Votar á agrupación de Idígoras foi apostar pola liberdade que confire o autogoberno e por un reparto equitativo da riqueza. Non hai máis ca ollar para as vilas bascas onde rexentaron o poder este tipo de agrupacións políticas. Por iso, rememorando sen ningún complexo a este ferreiro dun mundo mellor, só podemos intentar aprender del e soñar cunha Galicia ceibe e socialista. Oxalá que moitos outros o imiten.
Na memoria sempre, compañeiro.
Eu era demasiado pequeno para me lembrar de cando Idígoras estivo en Cangas, pero dixéronme os meus vellos que o discurso que botara en Cangas estivo de puta madre. Creo que hai un video.