Massó en 10 vídeos
Video de ACE para as eleccións municipais do 2007 onde se explicaba a monstruosidade do proxecto:
“Un pelotazo de 100 millóns”, video de A Nosa Terra:
Reportaxe sobre Massó en GZvideos
Entrevista a Mariano Abalo, Concelleiro de Urbanismo e Tiago Pérez, portavoz do Foro Social de Cangas en Vieiros
Comezan as obras 27/o5/o9
Concentración por mar e 3 detidos porque si, video de GZvideos
Adolfo Pérez Esquivel, premio Nóbel da Paz, bríndanos o seu apoio
16 detidos en Massó, reportaxe de GZvideos
Manifestación contra o porto deportivo preto de 7.000 persoas na rúa, 5.000 segundo a prensa
A memoria das mulleres de Massó
EUROPEAS 09, RESUMO DO DÍA…

O que nos di Iniciativa Internacionalista; o que din PPSOE e o que dicía IU. O BNG nin mu, eles non se pronuncian que xa bastante teñen con intentar levanta-lo seu. Patético o dos “demócratas”…
Na defensa da lingua porque hai máis razóns ca nunca!
Manifestemos o noso compromiso público coa lingua o 17 de maio ás 12 horas dende a Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “O galego, a nosa columna vertebral. O idioma que nos une!”. Sairán autobuses dende diferentes puntos de Galicia. Máis info
Xa non é só A Mesa tamén a RAG protesta e iso si que é inédito. É interesante o que se nos apunta ó respecto no blog de Xerais, . Na defensa do galego nin un paso atrás
Un bo recurso para indagar sobre a Revoluçao. O povo é quem mais ordena!

Hoxe é 25 de abril e ante iso só nos queda lembra-la transformación profundamente esquerdista coa que se iniciou este proceso revolucionario. Unha boa forma é visita-la web do Centro de Documentaçao 25 de Abril da Universidade de Coimbra onde hai abundante material dunha das revolucións máis fermosas que se coñezan. Podemos atopar unha galería de imaxes, documentos, videos, historia dos partidos, dos políticos e arquivo sonoro, amáis dun longo etc. Pouco habería xa que engadir, só que xa non queda nada que teña remoto parecido con aquel día, que 25 de Abril sempre! e que viva Álvaro Cunhal!

Deixámosvos co que nos quedou: Grândola e a loita por cambia-las cousas:
PPlaxio ou casualidá? Aquí vale todo!
Xa sabiamos como son os nosos amigos os populares que, se polo xeral o deles non son os escrúpulos, en campaña botan o resto. Da falla de vergoña témo-lo exemplo de Baltar, o ídolo de masas, que pode gabarse de representa-la verdadeira icona dunha raza tan nosa coma deturpada, pero que aínda existe, e non amighiños non é a rasa loba senón o cacique. Pra mostra só lembrarnos da súa famosa entrevista, na que non se sabe se son peores as incribles declaracións ou a decoración que se marca no despacho (habería que sometelo a referendo).
Para que sexa realmente a gusto dos populares, non se pode facer un peche normal, non. Hai que chamarlle a un maricón e a outro maltratador, e así xa nos sae redondo. Todo isto vale, pero o do roubo de ideas… xa ten tela de carallo! A nosoutros, humildes “batasunos”! que ilusión!
Imaxinarvos o sobresalto cando chega as nosas mans o Boletín Informativo nº1 dos populares cangueiros (que lanzaron alá polas autonómicas) e atopamos na páxina 3 unha interesante labor de hemeroteca sobre Massó que… hostia!; a nosoutros non sei porque éche un formato que dalgo nos soa… De verdade que se nos chegan a da-lo Pulitzer non nos amosionamos tanto!!!

Iso si, polo medio aproveitan para metérno-la dobrada, que se se pode hai que intentalo. Referímonos exactamente a ese estracto do Faro no que di “Empresa y Foro negocian a contrareloj el desbloqueo de los trabajos de Massó”. Non intentedes busca-la, xa vola pasamos nós que xa a leramos, porque aí pon que é do venres 14 de abril, cando o 14 era luns, dá igual, xa se ve que os peperos son exhaustivos no traballo. Pero home Enriquito, en vez de poñe-la nova capciosa e mentireira podías poñer mellor o desmentido do día seguinte, sería, como mínimo, máis ético.
Iso de mentir á mantenta ou omiti-la verdade non sei se será cousa punible… pero bonita non che é, ti que dis? Aínda que mellor é o do Faro que ante a ameaza do Colectivo Cangas Non Se Vende ó día seguinte deulles catro liñas contadas e daquela maneira, xa sabemos todos dos ghrandísimos e imparciais profesionais do Faro… Non sabemos que pensar dun xornal que non verifica as informacións nin acude ás fontes… De tódolos xeitos como estas cousas ó remate son comprobables, xa se ve o avanzadas que van as obras…
Marcado en azul ilumínannos co seguinte dato: “A Oitava Illa encargouse da campaña electoral de ACE nas municipais”, isto ten a súa coña… pero ACE contrata empresas para as súas campañas? e con que cartos? que están a insinuar que ACE é como o PP e lle financian as campañas ó estilo Correa? Pois se así fora xa deberían estar camiño do xulgado, que a cousa é ben seria… Jaja, sonche a hostia! Pensa o ladrón…
As outras tres “frases demoledoras” mencionan todas elas a palabra “negociación” , acompañadas de fotografías presuntamente infraganti tomadas dende a lonxanía, que parece que o reporteiro gráfico estaba agochado entre os fentos cun casco de camuflaxe… uuuuuhhh… Mimadriña, vaise acaba-lo mundo! Pero nada, xa se encarga Juan Calvo de tranquilizarnos, e iso si que é un plus.
E dicimos nós, non é o máis normal do mundo que o concelleiro de Urbanismo se teña que reunir coa empresa a deixa-las cousas clariñas? Si home si, son soados os intereses comúns e as boas relacións entre Abalo e Puentes e Calzadas que ata tiveron que recorrer a un mediador.
Do resto, nada, o de sempre: que Abalo oculta Massó como zona residencial baixo un PEPRI (na imaxe é o resaltado en amarelo), total, que os moi flipados (a mala baba) estanse a referir á unidade de actuación que atinxe á zona da estrada, arriba en Balea, e que obviamente nadiña che ten que ver coa UA-27 que é a de Massó. Aínda así éche un pouco rara a teima que lles entrou agora, que parece que se esqueceron de que fai nada querían edificar Massó de arriba abaixo con macrohotel incluído, que se di pronto. Para o que lle queden dúbidas pode ve-la páxina web do avance do PXOM: www.pxomcangas.com e comprobalo todo por si mesmo, que acabamos antes.
Pois nada, aí remata este “alarde creativo e innovador” dos nosos estimados populares, agardaremos ata o seguinte panfleto…
Valencia cara el sol
Pois semella que si. E non o dicimos soamente porque o actual sistema sexa pseudodemocrático e herdeiro do Franquismo… Non. Os nosos razoamentos van máis alá e son constatables en calquera medio de comunicación. Parece que hai sitios no Estado onde o generalísimo segue a ocupar postos de honrra porque así o entende a dereita reconstituída no post-franquismo e que en boa medida vemos agora unida baixo as siglas do Partido Popular.

É así como en Valencia o Caudillo segue a rexenta-lo insigne posto de Alcalde de Honrra que lle fora outorgado tralo levantamento militar hai varias décadas. Este feito non só vulnera o artigo 15 da recente Lei da Memoria Histórica, senón que tamén é un insulto para os milleiros de fusilados, torturados e represaliados que sucumbiron baixo as gadoupas do rexime autárquico. Así e todo, non é esta a única cidade que leva o mérito, dado que cidades como Santander ou Oviedo declarárano, no seu momento, Alcalde Perpetuo das devanditas urbes.
Con este estado de cousas cómpre lembra-la situación tan aberrante como única que se vive na España que legou Papá Franco onde mentres cidades como as antes nomeadas teñen a súa figura declarada en postos de gloria, outras entidades poboacionais do estado non poden optar á opción política que os seus habitantes desexan como en Euskal Herria. Mentres a uns se lles ilegaliza por non condena-lo “terrorismo” a outros como o PP dáselles carta branca aínda que non condenen o Levantamento nin a férrea dictadura que viviu o Estado Español en décadas pasadas e que conlevou a morte dun millón de persoas, miles de represaliados, torturados e exiliados. E a Falanxe, como guinda de todo este espectáculo esperpéntico e de mal gosto segue a concorrer relixiosamente a todas e cada unha das eleccións.
U-los xuizos por delictos contra a Humanidade contra Fraga Iribarne? U-lo procesamento contra os colaboradores do réxime que segou a vida de milleiros de persoas? Non se fixo no seu momento, logo da “transición”, nin se fará agora. Agora toca esquecer, din. Non é bo remexer nos camiños voluptuosos da Historia, sosteñen. Non embargantes, é mester recordarlles ós fachas e a toda esa esquerda teórica claudicante que, no seu día e logo de remate da II Guerra Mundial, tódolos colaboradores de Hitler que quedaron con vida foron sentados en sendos banquillos no xa famoso proceso de Núremberg. Mesmo Pinochet, aínda que tarde e malia que fose no medio dunha infamia titiriteira tivo que sentar nun xuízo como acusado. Pola contra, aquí non se coñece caso algún semellante.
Seguiremos agardando, malia ter que asistir a espectáculos bochornosos como o de Valencia, Santander e Oviedo, a que algún día un tribunal (popular, a pode ser) lle dicte sentenza a don Manolo e a todos aqueles colaboradores directos e indirectos dese xenocidio que segue latente nas memorias dos familiares que agora, máis ca entón, se ven insultados e vilipendiados.
Dálle á lingua I: Trazos peculiares do galego

Un día destes mirando Ben falado!, decatámonos de que facía ben tempo que non lle adicabamos un post á lingua e de certo que fai boa falla, por iso retomaremos este bo costume, e tentaremos tratar, de cando en vez, cuestións relacionadas co noso idioma. Velaí vai:
Así que hoxe abordarémos, alomenos nunha pequena parte, o proceso da romanización da Gallaecia. Este tivo, no noso caso, uns trazos peculiares que singularizan á nosa lingua en ralación a outras zonas da Romania.
Esta plenamente asentada a teoría de que a romanización da Hispania se levou a cabo por dúas vías: dende a Bética e dende a Tarraconensis. O mesmo acontece coa romanización da Gallaecia, mais neste caso foi máis importante a romanización dende o territorio da Bética, o cal ten consecuencias lingüísticas, xa que o latín provinte desta provincia do dominio romano contaba cun latín máis conservador e culto. Da zona da Tarraconensis, que era máis innovadora lingüísticamente por ser un importante porto comercial e militar, recibe escasas influencias por estar a nosa Gallaecia na periferia da periferia da influenza latina. Isto explica que hoxe galego e portugués teñan trazos máis conservadores ca outras linguas. Uns exemplos:
IN + acusativo (ir a): en galego consérvase a construción ir en (Vai en Madrid, vai no banco, vai na herba,…).
Das conxuncións copulativas latinas (et, ac, atque) só se conserva et nas linguas románicas, pero en galego hai formas derivadas de ac, como é o caso dos numerais coma dezaseis.
MB > MM >M: en galego PALUMBA > pomba (máis conservador fronte ó castelán paloma, por exemplo).
FABULAR > falar, mentres que o catalán, francés e italiano introducen unha innovación léxica: PARABOLARE > parlar, parler, parlare.
QUARERE > querer, mentres que o catalán, francés e italiano introducen unha innovación léxica: * VOLERE > voler, vouloir, volere.
COMEDERE > comer, mentres que o catalán, francés e italiano introducen unha innovación léxica: MANDUCARE > menjar, manger, mangiare.
CASEUS > queixo, mentres que o catalán, francés e italiano introducen unha innovación léxica: FORMATICUS > formatge, fromage, fromaggio.
Así e todo, tamén podemos atopar en galego trazos máis innovadores cós doutras linguas máis orientais. Así temos:
FRATER > frère, fratello, mentres que o galego, portugués, castelán e catalán introducen unha innovación léxico: GERMANUS > irmán, irmão, hermano, germà.
Coa nación na esquerda

O escritor acusa a PSdeG e BNG de levar a cabo nesta lexislatura unha “política neoliberal pura, exactamente igual que a de Fraga” e aspira a que a súa formación capte moitos dos votantes que pensan volver apoiar o Bipartito malia que están “decepcionados” con el.
É un dos escritores máis importantes e recoñecidos da literatura galega actual e un patriota. A súa defensa do independentismo sempre foi pública e unha vez máis, será o candidato da Fronte Popular Galega (FPG) á Presidencia da Xunta e cabeza de lista pola provincia de Pontevedra. As súas críticas cara á xestión realizada en San Caetano por PSdeG e BNG son amplas. Para el, o labor do Bipartito foi “decepcionante” e cre que así o sente ata unha gran maioría dos que os seguen a votar. Xosé Luís Méndez Ferrín defende o proxecto da FPG como a única posibilidade de que no Parlamento haxa unha oposición de verdade que faga que o pobo poida participar verdadeiramente nas tomas de decisións políticas do país.

Con que obxectivo se presenta a FPG a estas eleccións?
A FPG preséntase por unha razón tan obvia como que alguén ten que ser de esquerda, republicano, laico, socialista e independentista neste país. Un fragmento do pobo así o sente e sen esta opción a Xunta non avanza. Supoñendo que o Bipartito se repita, como seguro pasará, se na oposición só está un PP desarborado e desarmado, en proceso de disolución e cada vez máis de extrema dereita e antigalego, daquela imos moi mal e ocorrerá o que pasou nesta lexislatura, que todos os estímulos que tiña o Bipartito lle veñen do PP. Mentres no País Vasco hai cinco ou seis partidos representados no Parlamento e en Cataluña outros tantos e hai debate político, aquí non existe. Necesitamos estar aí.
Por que Galicia lle ten tanto medo a que haxa máis pluralidade política?
En Galicia existe sobre todo o medo á independencia, o medo á liberdade, a proclamarse independentistas. Hai máis independentismo agochado que independentismo á luz, logo, é necesario facer un outing colectivo, saír do armario. Dos miles de votos que recibe o Bloque, boa parte deles son realmente independentistas e de esquerda, niso non temos dúbida. Logo, é precisa unha mudanza de rumbo.
A estas eleccións presentarase tamén como en anteriores citas coas urnas outro partido independentista, NÓS-UP. Por que esta vez tampouco acordaron concorrer xuntos?
A FPG está aberta sempre a formas de unidade amplas. A nosa cultura é a de fronte popular fronte ó inimigo común. Pero non sempre é posible. No concello de Cangas, por exemplo, a FPG está demostrando todos os días que é capaz de traballar lealmente con outras forzas de esquerda aínda que non sexan coincidentes ó 100%. Pero non só porque nós o queiramos se pode producir, teñen que querer todas as partes.
Como viu a xestión de PSdeG e BNG nesta lexislatura?
Decepcionante, e non son só eu o que o cre así, senón que somos boa parte do pobo galego o que pensa igual. Aínda os que van votar por eles o 1 de marzo o van facer decepcionados.
Logo, boa parte dos apoios a PSdeG e BNG son simplemente un voto contra o PP...
Por suposto, ese é un compoñente importante. O voto que nos recibamos tamén é un voto inequivocamente contra o PP. Se nós tiveramos representación parlamentaria nós non lle entregariamos o goberno ó PP, sería unha aberración iso.
Fágame logo, un balance do actual goberno.
Por exemplo, non se creou ningunha sociedade nacional de maioría pública. Mentres que o PNV en Euskadi creou unha empresa pública eólica, en Galicia non. E esa macroempresa que se creou a partir do goberno para a xestión da Cidade da Cultura ten na súa maioría entidades financeiras, polo que a nós nos parece que é o contrario do que ten que ser. Estamos nunha época de crise na que a empresa maioritaria ten que ser a popular e pública, iso é prioritario. A política que fixo o PSOE e o BNG é neoliberal pura, exactamente igual que a de Fraga. Se ninguén di nada a iso e se a oposición do PP o aplaude, como se van sentir estimulados no poder? polos foros sociais ou por asociacións como Galiza non se vende? Non, eses só berran na rúa e ó final BNG e PSOE esperan que voten por eles igual. Ó mellor, non ocorre así.
Tamén podemos falar da ordenación do territorio, que non se fixo de acordo coas expectativas. Hai un secretismo e non se consultan as organizacións de base. Non está aí o espírito de Porto Alegre do que tanto se fala, non existe participación popular nas decisións. Nós, que no noso programa incorporamos as peticións de Galiza non se vende e doutros foros que se producen na base da sociedade, si que esixiremos esa participación e esixiremos unha política con máis práctica do referendum, igual que outros compañeiros piden.
Cales van ser os eixes do programa electoral da FPG?
A organización do territorio ten que ser urxentemente planificada e debatida polas bases de todo o país. En principios como a soberanía alimentaria necesitamos unha refundación do agro galego, que está en proceso de liquidación total. Aquí practicouse un xenocidio e séguese practicando. A Xunta ten forza suficiente, se a quere exercer, para restaurar a agricultura do país e, se fai falta, traendo man de obra e novos colonos dos países subdesenvolvidos, hai que levantar o país e a política de montes vai unida a iso. A maior parte do territorio galego é superficie non urbanizada e non agrícola e iso non pode ser un monocultivo das eólicas, aí ten que haber cabalos bravos, vacas bravas, riqueza gandeira, aproveitamentos útiles do monte. En materia de gandería ceive seguimos no neolítico.
Ademais, somos o único partido laico que se presenta. Nós queremos que remate o Entroido nacional católico das ofrendas ó Apóstolo Santiago, da presidenta do parlamento presididindo a procesión do Cristo da Vitoria de Vigo…, isto xa non se fai no resto de España. Galicia é un esperpento, é un festival permanente, e iso ten que terminar, como tamén teñen que rematar as subvencións ós colexios privados católicos e as exencións de impostos a unha igrexa que ten unha hexemonía desproporcionada.
Por outra banda, somos un partido obreiro, nas nosas listas están homes e mulleres activos no movemento sindical. A crise ten que enfocarse desde os intereses dos traballadores e non se pode beneficar só a patronal. O proletariado e o sector do metal de Vigo, que é o motor económico de Galicia, teñen que ver que a súa problemática está sendo debatida no Parlamento de Galicia. A FPG somos a única garantía de que iso poida ocorrer.
Que facemos coa lingua?
O tratamento da lingua por parte desta Xunta foi moi pouco entusiasta e moi pouco belixerante. Nós non pedimos a lúa, queremos que aquí se faga algo semellante ó que fixeron partidos aparentemente tan conservadores como PNV ou CiU nos seus países respectivos. As políticas realmente efectivas e de protección do galego non se fan porque non hai vontade de facelas e os resultados foron miserables: catro galescolas que non cobren nin a milésima parte da poboación de Vigo nin a demanda que hai de preescolar en galego. Isto ten que ser feito con enerxía, con vontade e sobre todo con cariño. Eu oíndo como falan os do BNG, que din “i”, en vez de “e”, e tamén todos os do PSOE, dáme a impresión de que non hai amor, non hai vontade, non hai patriotismo.
Como será a campaña da FPG?
Moi modesta. Non temos acceso ós medios públicos por mor da lexislación antidemocrática desta monarquía, que favorece ós partidos que tiveron representación nas anteriores eleccións, é para privilexiados. Medios propios podemos usar os que queiramos, pero non temos recursos económicos nin estamos unidos a ningún grupo que nos dea crédito, somos asistemáticos. Polo tanto, faremos unha campaña modesta e subvencionada cos recursos económicos dos nosos militantes.
No 2005 acadaron case 3.000 votos. Que resultado agardan para esta vez?
O atraso político de Galicia non permitiu no 2005 que todos os que dese- xan unha presenza republicana, socialista e independentista na Xunta nos votasen. Nesta cita non sabemos o que vai acontecer, nós propoñemos un cambio cara ó pluralismo parlamentario.
Vostede xa se presentou en numerosas ocasións ás eleccións. Supoñen algún tipo de reto persoal estas?
Non. Se tivera ganas de ser un político que fora ser elixido con certeza, a miña vida sería outra e as miñas posicións tamén. Pero a algúns tócanos facer o que temos que facer e estamos moi satisfeitos de elixir este punto de vista.
Visita a web electoral:
http://www.frentepopulargalega.org/autonomicas2009/
Onde vai Obama?

Nestes días chóvenos as imaxes do pobo palestino masacrado por televexo. Nacións enteiras asistimos á catástrofe humanitaria mentres nos agochamos nas comodidades da sociedade do benestar. Algúns só podemos berrar impotentes nas rúas do mundo por cada proxectil que sega a vida de ducias de nenos árabes. Coa excusa dun conflito que semella non ter solución asistimos ó xenocidio máis vil e cobarde dun pobo enteiro. Pero “nos vimos en Berlín” di algún dos temas archicoñecidos de Soziedad Alkohólica. Efectivamente. A meirande parte da poboación ebrea parece esquecer por momentos que noutrora foron eles as vítimas. Así e todo, nolo recordan cada ano con actos conmemorativos que nos devolven á devastación xudea polos nazis. Estanos como dicindo “eh, que fomos represaliados, encarcerados e gaseados, temos dereitos”. Dereito de se converter arestora na man aniquiladora que esmaga vidas humanas a eito e que levanta murallas asfixiantes tal campo de concentración alemán.
O destino de Palestina mudou para peor nos últimos tempos, abofé. Case que ninguén se lembra do Arafat asediado, sen luz e dando inquéritos á prensa dende a penunbra. Case que ninguén lembra o seu asasinato por envelenamento. Agora teñen a Abbas, non require nin a metade de protección, non está asediado e ten o visto e prace de Israel e dos EEUU dende que empezou o seu nome a resoar como un dos candidatos a sustituir a Jaser. Curioso.
A corrupción de Al Fatah e os avances sociais acadados por Hamas levaron ós islamistas a conquerir-lo poder. Isto á par da suba dende hai anos desta corrente relixiosa trala caída da Unión Soviética e da súa área de influencia. Maldita sexa, os palestinos xa non estudan en Moscú. Con todo, estamos con todo o pobo palestino e coidamos que ten todo o dereito a se defender con contundencia das agresións sionistas dirixan os islamistas ou non. Por suposto. Hoxe por hoxe, mellor Hamas de os de Abbas, témolo claro. Iso non quita que devezamos pola expansión do Frente Popular para a Liberación de Palestina e da súa ideoloxía marxista que tanta falta fai no terceiro mundo. O mundo non para polo que lle acontece a Palestina. Os países occidentais, todos, somos complices do que está a acontecer. Pero este nó no peito que nos reconcome as entrañas culpables non fai ós gobernos actuar. Nin mesmo ós paises árabes o fan. Tal é a mesquindade da raza humana. Lembrémonos, non embargantes, dos tres paises que iniciaron a invasión de Irak e a recua de paises que lles axudaron na masacre, en principio, por unha mentira de Bush.
A pasividade internacional vese agravada pola apoio dos USA ó sionismo exterminador. E nesta xeira de matanzas, de esmagamento dos pobres do mundo, de aparheith do pobo palestino preguntámonos que foi de Obama e do seu “Yes, we can”. Que é o que podemos? Seguir apoiando estados terroristas como Israel e dictaduras como as de Arabia Saudí (iso si, seguirán apuntando a Cuba). Que é o que podemos? Non perdoa-la débeda externa ó terceiro mundo axudando a propaga-la fame e a morte por enfermidades curables. Ou tal vez provocar guerras ilegais como a de Irak paralelamente coa creación de estados de forma unilateral como Kosovo. Que proben coa creación do territorio nacional palestino para que os seus habitantes non teñen que vivir episodios de guerra dentro de dúas autonomías amuralladas.
Algúns pensarán que xa rematou o conto, pois que llo digan a outros.
