ZUTABE DE CANGAS: Boletín Interno de Cangas do Morrazo

Massó paso a paso, quen non se entera é por que non quere

Posted in CANGAS, MASSÓ by O Zutabe on Novembro 16, 2008

MASSÓ: UN EXEMPLO DA LOITA DO POBO CONTRA O CAPITAL

mas

De monstruosidades urbanísticas e ilegalidades temos unha morea de exemplos na costa galega, pero semella o conflito de Cangas un caso particular. Un caso simbólico non só polo que a antiga factoria representa, mais tamén por vir acompañada dunha resposta insólita na súa forza e continuidade: a loita veciñal, seria e firme, que conseguiu botar ó alcalde e para-los planos do PXOM, exemplificando como o pobo pode toma-lo poder real. En que punto se atopa hoxe a resolución do conflito?

(máis…)

Etiquetado con:, , , , , , ,

Habemus alternativa

Posted in CANGAS, MASSÓ by O Zutabe on Xaneiro 27, 2008

A meirande parte dos medios non se fixo eco, pero as novas mobilizacións veciñais fronte á inminente envestida de Marina Atlántica xa comezaron. Por iso, hai uns días espertamos co desmantelamento do valado das obras do porto deportivo e da aparición dunha rechamante pintada contraria ó proxecto no peirao da Baleeira. E para un medio que recolle a nova (Diario de Pontevedra) tilda as accións como “actos bandálicos”. Onde se mirou semellante ineficacia informativa! Isto é devolvernos o que nos pertence, as vistas o mar. Actos bandálicos son rompe-lo inmobiliario público logo de facer botellón, e non o intento de preserva-lo noso entorno e non deixar vender terreo público ó mellor postor. Amais, todo sexa dito, ó parecer ese valado non foi colocado co permiso do Concello (si, xa sabemos que se facía falla as poñía o mesmo Sotelito), cando menos, non pola vía correspondente, é dicir, pedindo o permiso necesario.

dscf0761.jpg

Cambiando xa de tercio…, os cangueiros acabamos de coñecer por extenso o Estudo de Usos Públicos e Sociais para a Recuperación Natural e Patrimonial do Ámbito do Salgueirón efectuado, por encargo da Concellería de Urbanismo, por A Oitava Illa. A acollida foi moi positiva e queda aberta á crítica, por mínima que sexa, e ás modificacións que a cidadanía considere pertinentes. Verdadeiramente, este traballo convence e cumpría, máis ca en ningún outro momento, poñer outra alternativa enriba da mesa para evitar ve-la área marítimo-terrestre da contorna de Massó abocada á desfeita e á barbarie urbanística. Ata o de agora só coñeciámo-lo proxecto de Marina Atlántica e Caixanova que, a estas alturas, tamén sabemos o que significa (centro comercial, macro-urbanización e hotel a pé de costa, porto deportivo de dimensións descomunais, desaparición do último reduto forestal no núcleo urbano…).

Cunha filosofía radicalmente oposta, o traballo feito a instancias de Mariano Abalo xorde como unha reacción perante a inoperancia da Autoridade Portuaria que insiste en permiti-la instalación do porto deportivo aínda sabendo as ilegalidades que conleva de efectuárense os plans que para Cangas vén trae-lo señor Ubaldino Rodríguez Bello. Ás autoridades semella

non importárlle-la media ducia de denuncias interpostas e o contencioso que ten aberto a Confraría de Pescadores San Xosé.

A nova proposta pretende ser un punto de partida a ter moi en conta na redacción do PXOM, por iso é mester que sexa aceptada baixo consenso por todo o tecido asociativo así se leve ó Consello Sectorial de Urbanismo.

dscf0779.jpg

Cómpre, tamén, poñer ás forzas políticas do PSOE e BNG ó rego para que deixen de se situar do lado dos especuladores cos que as súas cúpulas teñen, indubidablemente, tanta relación e tanto compromiso. Nembargantes, lembrémo-las palabras de Quintana nun mitin celebrado no Auditorio Municipal co gallo dos comicios nacionais do 2005. Daquela prometera que, dechegaren á Xunta, o proxecto de Foster non se levaría a cabo. Ben, agora o Bloque está na Xunta xunto co PSOE e non só non miramos que se impida, senón que a defenden cando non a abandeiran. Precisamente por iso non resultou rechamante que, na presentación do estudo da Oitava Illa para os partidos celebrado no Concello hai unhas semanas, os concelleiros do BNG e mesmo a alcaldesa (cuxo parecido con Ana Botella vai máis aló do físico) non deixaban de preguntarlle ós técnicos polo porto deportivo. Parecían indignados por non esta-lo porto recollido na proposta de Urbanismo se xa estaba concedido pola Autoridade Portuaria.

Mentres uns andan nestas, outros prepáranse e organízanse para continua-la resistencia e incidir de xeito decisivo no momento decisivo e definitorio que estamos vivindo para o futuro da nosa vila. Por iso, perante o recente anuncio de Marina Atlántica de retoma-las obras (con ou sen moratoria), os veciños xa se están a mobilizar. De aí o desmantelamento do valado das obras, protagonizado por uns descoñecidos e a aparición dunha ben visible pintada contraria á execución do porto feita no peirao da Baleeira. Tamén, o Foro Social xa anunciou que incidiría na paralización forzosa ó tempo que xestiona a través de canles burocráticas e xudiciais. Este reagrupameto de colectivos (no que se inxire a priori o BNG) a prol da preservación patrimonial e natural así como do urbanismo racional, xa fixo público o seu visto e prace á proposta de Abalo saudando este xeito de entende-la planificación urbana, que é propia dos lugares máis avanzados e non da escoura marbellí na que nos queren converter.

Etiquetado con:, ,