U-la democracia???

De talante non parece saber dabondo o goberno de Zapatero ou, en caso de telo, este adoecería de estar enchoupado de eivas. Referímonos, mormente, á cuestión nacional e a superación do conflito en Euskal Herria. Si, fixo algún avance no tocante a materias como a violencia contra as mulleres, as axudas económicas ás familias que teñan un fillo (xa vixentes noutros países dende hai tempo), a lei de dependencia ou o tratamento odontolóxico de balde para os raparigos. E congratulámonos de que, cando menos, se seguise nesta liña con este tipo de iniciativas sociais que, aínda que nunca son suficientes, incrementan indubidablemente a calidade de vida. A pouco que sexa.
Así e todo, hai cuestión pendentes como a situación do obreiro no mundo laboral, o custo da vida, o mantemento da institución monárquica, a responsabilidade de España no proceso de liberación do Sahara, o urbanismo irracional, a Lei de Partidos Políticos, a non aplicación do Dereito de Autodeterminación para as nacionalidades históricas como recolle a Carta dos Dereitos Humanos na propia ONU; son parámetros que non están sendo abordados dado que non hai un interese claro por lles acadar solución.
Especialmente anti-democrático foi o recente caso da ilegalización de boa parte das candidaturas de ANV nos comicios municipais do 27 de maio en Euskal Herria. Con todo, malia as ilegalizacións e a impugnacións de listas, os abertzales de esquerda acadaron 17 maiorías absolutas e un número máis ca significativo de concelleiros por todo o seu territorio. E non esquezámo-los 185,000 votos que se acadaron en total, téndomos en conta tamén os votos considerados nulos dirixidos a esta formación.

Os axentes represores, véxase o aparato xudicial e policial, que tanto bloquearon o proceso e empuxados polos sectores máis conservadores levaron a rasto tamén á incentiva gubernamental de chegar a algures no proceso cara a paz e a normalidade democrática. Deste xeito, teimouse con Otegui ó ser apreixado e levado ó cárcere por “enaltecemento do terrorismo” na homenaxe de Olaia Castresana. E agora, crispando aínda máis o clima político, envíase ó representante do colectivo de presos (Etxerat), Juan Mari Olano, ó caldeiro acusado de incitación á violencia no transcurso dunha manifestación en Donosti que resultou duramente reprimida pola policía autonómica. E, inxeridos nun panorama político coma este, con De Juana aínda no cárcere malia ter cumprida a súa pena, aparecen claramente conculcados tódolos dereitos civís e políticos en Euskal Herria. Nembargantes, a Lei de Partidos e a “Democracia” española admite que en Lizarza o PP goberne con 7 concelleiros, grazas a 7 votos exactamente (de quen serán???), cando son 504 persoas as que teñen dereito ó sufraxio, e todo porque foi a única lista que concurriu ós comicios trala ilegalización de ANV. De seguirmos nesta liña, a resolución do conflicto da cuestión basca non parece que vaia chegar polo de agora. Así e todo, a maquinaria da esquerda abertzale é imparable e emerxe con máis forza fronte as escisións do reformismo traizoeiro ou fronte ó bloque constitucionalista.
Por outra banda, coa dimisión de Josu Jon Imaz no PNV, poida que se albisquen novos tempos para cidadanía. Coidamos que sería dun enorme interese o nomeamento de Eguibar (da póla soberanista do partido) como cabeza do partido. Mais parece que o candidato predilecto de Arzalluz presentou a dimisión da súa candidatura para non fractura-las bases estructurais do partido. Agardemos que o sustituto de Imaz non practique o mesmo discurso claudicatorio para que os bascos non asistan, novamente, á perpetuación do conflicto dado que se seguiría convulsionando o clima polítco. Seguiremos á espreita.