“Quien es ese hombreeeeeee…???”



Como sempre nesta vila a polémica está servida. Neste caso, tocoulle á decisión de Mariano Abalo verbo de querer contratar a Eduardo Canabal para rexenta-lo posto de asesor de urbanismo, neste Concello que nos toca sufrir. Polémica incomprensible, por outro lado, de atendermos ó pasado deste proxectista ó que non se lle coñece vencello algún co portavoz nacional da FPG e concelleiro de ACE. E ó que só se lle pode acusar de botar abaixo o Plan Xeral de Vigo aló por 1993 ó atopar irregularidades graves naquel proxecto.
Chegou a sufrir, como el mesmo ten indicado, unha auténtica “caza de bruxas” e mesmo con ameazas en canto denunciou as aberracións que se querían levar adiante nunha das cidades máis importantes de Galicia.
Sabendo da profesionalidade de Canabal, Abalo, trasladoulle a súa preocupación polo urbanismo en Cangas e fíxolle constar que cómpre facelo totalmente legal e transparente cumprindo estrictamente co ordenamento xurídico para rematar coa desfeita na que estamos sumidos, non sera isto o que lles molesta ós detractores de Canabal?. Abalo, dende un primeiro momento, quería contar coa labor do asesor en cuestión para fiscalizar unha serie de temas pendentes e sen perxudicar ós técnicos municipais. Tamén, entendeu, que é mester asesorar ós veciños que teñan problemas con actuacións urbanísticas e coas licenzas.
Mais as presións políticas chegaron, desta volta, tamén a Cangas co asunto “Canabal” que non fan outra cousa que poñer ó descuberto escuras intencións no seo das agrupacións socias de ACE no tripartito, que xuntos, pero non revoltos… Pronunciouse ben clariño a directiva provincial do PSOE na prensa tildando de que perigaba o acordo de goberno do tripartito de seguir adiante a contratación de Canabal. (xa dá máis polo cu cá fichaxe do Schuster).
Preguntámonos que é o que leva ás directivas do PSOE e BNG a veta-la contratación deste urbanista aférrimo da legalidade. É, nestes casos, cando non queda outra que cuestiona-la actitude de “sociatas” e “bloqueiros”, cando menos, perante ó tema do urbanismo. Lembrémo-las primeiras declaracións destes dous socios do tripartito tralos comicios municipais do 27 de maio onde, abertamente e diante dos medios de comunicación, rehusaban posicionarse en contra do proxecto deseñado por Norman Foster para a área de Massó incluíndo o porto deportivo, e dicindo que non rexeitaban ubicalo noutro lugar. Recordémo-la nula participación destas dúas formacións na loita contra a construción do porto deportivo de Massó. Tampouco debemos esquecer, fagamos historia, os votos en pleno (con ostias incluídas) dos tres concelleiros do PSOE dando o seu visto e prace ó Plan Xeral que quería Sotelo o 30 de xullo de 2004, e que logo o pobo botou abaixo enchendo as rúas de Cangas nas famosas manifestacións contra o vello PXOM. Tamén cómpre preguntarse polas xestións, se é que levou adiante algunha, do BNG (que ben que figuraban como integrantes do Foro Social, pero por Massó non foron nin a pasear, coma moitas outras agrupacións, todo sexa dito…) sobre todo, se temos en conta que é forza de goberno na Xunta. A día de hoxe podemos ver, ás claras, que non fixo vale-lo seu peso no poder autonómico.
Estas formacións, cando menos, e para non quedar en evidencia poderían presentar probas que corroborasen a súa desconfianza cara Eduardo Canabal. Pero temémonos que esas non chegarán…, e xa veremos a qué friki propoñen eles…