ZUTABE DE CANGAS: Boletín Interno de Cangas do Morrazo

FECIMO “se desmiembra”

Posted in CANGAS by O Zutabe on Outubro 29, 2007

fecimo_001w.png

Os de Fecimo chanchullando (como non) con Caixanova…

Benvida sexa. A resistencia á marbellización do Salgueirón está outra vez de noraboa xa que imos falar dun apoio que para nada se agardaba. A nova ten que ver cun dos tentáculos (outros serían asociacións de veciños como Daravelo, agrupacións paralelas como a de “Mulleres Progresistas” ou mesmo un dos dous sectores preponderantes na Confraría de Pescadores de Cangas) máis consolidados e mellor asentados que ten o PP e os intereses da patronal na nosa vila en toda a Terra de Morrazo.

Agora referirémonos a FECIMO, o ente asociativo que aglutina a unha parte importante do sector comercial, que acaba de sofrer unha curiosa insurrección interna por parte dalgúns membros ó ollar con desconfianza a implantación dun hipotético centro comercial na área de Massó.

Perante a inminente redacción do novo PXOM, varios comerciantes, dos que algún xa se deu de baixa na Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, están en alerta e arestora comezaron a laboriosa tarefa de movilizar a outros compañeiros do sector fronte á nefasta repercusión que tería a colocación dun centro comercial desa envergadura na nosa vila. Este “amotinamento” non é para nada gratuíto dado que moitas economías familiares quedarían maltreitas. E o que resulta curioso é que non sexa todo o tecido comercial o que se posicione en contra, de termos en conta que moi poucos serán os beneficiarios que opten a instalaren os seus negocios no devandito centro comercial. Posiblemente, eses poucos afortunados estarán vinculados, dalgunha forma, á directiva de FECIMO (Foto “Marcial”, Mínimas,…) ou a accionistas como Frigoríficos del Morrazo (Plus Marca,…).

A convulsión creada polo sector discordante é tal que xa pensan en acudiren constituíndo unha nova asociación ó Consello Sectorial de Urbanismo que se celebrará o 7 de novembro ás 19:30 no salón de plenos do Concello. E mesmo están a barallar propostas alternativas de actuacións a desenvolver na antiga fábrica de Massó para evitar unhas instalacións que fagan perigar o pequeno comercio cangueiro. Temos datos que corroboran que esta facción descontenta coa directiva está a manter xuntanzas fóra de FECIMO para se organizar e están, tamén, a manifestar abertamente o seu rexeitamento pola descriminación que sofren dentro da asociación comarcal por manter unha postura contraria a converter Massó nunha vasta área de servizos. Estas persoas tamén denuncian, e iso xa o viñamos anunciando nesta páxina, a pouca cooperación por parte de partidos como o BNG que nos fan pensar novamente que estes partidos seguen sen desbotar o vello PXOM, polo que se mira. O certo é que dende a alcaldía impediuse a celebración desas xuntanzas no consistorio (na casa do pobo). Pero o colectivo, denantes de caír no catastrofismo, xa procurou un lugar para reunirse que, polo que sabemos, podería ubicarse nalgún local da Pedra Alta.

Dende Zutabe, saudamos esta iniciativa popular que, amais, acabará poñendo en sintonía ós socios ambiguos do tripartito (BNG, PSOE) e será unha axuda gratificante para que a traizón destes partidos non se chegue a producir e deixe ós de ACE sós na loita.

E, por todo isto, sentímonos dobremente con máis forza para detérmo-la desfeita do medio e da economía local. Sobre todo, téndomos en conta o historial que veu desenvolvendo FECIMO nos últimos tempos. Referímonos, por exemplo, ó defecit de moralidade e da escasa solaridade das que teñen feito gala moitos comerciantes ó boicotear máis dunha folga obreira aquí na vila. Por non falarmos da nula colaboración en conflictos como os do banco canario-sahariano deixando de lado, sorprendentemente, a centos de mariñeiros que mercaban cos seus salarios nos seus establecementos. ¿E tan difícil entender que o funcionamento da economía é un proceso que vai en cadea e necesitamos uns dos outros para sobrevivir? Ou actitudes incriblemente desprezables polo que teñen de anti-social comportamentos de persoeiros como certo dono dunha gasolineira de Cangas que responde, en círculos de ambiente sindical, ó apelativo de “Falconeti” e que se caracterizaba, ata cando lle foi posible, por contratar man de obra barata inmigrante que explotaba a eito.

Pero as cousas mudan e caen polo se propio peso. Tal é o caso do centro comercial e o novo punto de vista de comerciantes que ata agora tiveron a boca tapada pola directiva da FECIMO e entenden que chegou a hora de deixar de seren os “bois de palla” desta vila. E agora, de forma lóxica, se empeza a tomar conciencia. Sen tempo non era.

Etiquetado con:, ,