Hay una carta para ti…!!!

O fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, César del Pozo, vai investiga-la espiñosa confección das listas do PP basco, tralas denuncias de catro traballadores do Concello do Grove que foron remitidas á Axencia Española de Protección de Datos. A estas alturas son nove cidadáns do Grove e dous da Illa de Arousa os afectados.
Unha das denunciantes, funcionaria do Concello do Grove, de 25 anos, adscrita ós servizos de Protección Civil, recibiu a finais de xuño unha carta datada en Donosti o día 21 e asinada pola presidenta do PP basco María San Gil, na que expresaba o seu agradecemento por terse ofrecido como candidata. “Como non sabía de que se trataba, por que eu non estiven afiliada a ningún partido, é máis, son apolítica, chamei ó teléfono que aparecía na carta”. Na sede donostiarra localizaron os seus datos e explicáronlle que se trataba dun erro, “aseguráronme que non fora incluída en ningunha candidatura por que sobraban moitos voluntarios, pero que inmediatamente retiraban o meu nome dos ficheiros do partido”.
Ós poucos días, Miguel Ángel Pérez, presidente da executiva local do PP e ex-alcalde do Grove, entrevistouse con ela. “Pediume desculpas e asegurou que non sabía como ocurrira iso”.
O propio PP do País Basco explicou que participar na confección das súas listas esixe a presentación da copia do DNI e unha autorización asinada polo interesado. Por esta razón, os denunciantes sinalan que estes datos posiblemente se obtiveron mediante a relación laboral que manteñen ou mantiveron no Concello do Grove cando o PP aínda gobernaba.
Das tres reclamacións presentadas en Cambados, dúas corresponden a cidadáns que foron incluídos en listas conservadoras de Erandio e Orozco, englobadas nos distritos electorais viscaínos de Bilbo e Durango. No tocante á moza grovense, que finalmente non foi incluída, demóstrase que os seus datos foron ofrecidos polos populares á organización do PP Basco. Pero o PP de Viscaia seica xa os destruiu.
A xuíza imputou ó ex-alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, pero non se descartan máis implicacións de tipo político (dirixentes populares) e, incluso, institucional (persoal do Concello).
O recurso que se establecerá pola vía penal e civil ofrece a posibilidade de que os afectados perciban indemnizacións a raíz dos danos e perxuízos ocasionados.
Louzán, recordou que tanto o ex-alcalde como responsables do partido amosáronse dispostos a “aportar toda a información” da que dispoñan. “Somos os primeiros interesados en que isto se clarexe” e e descartan que a investigación desvele implicacións fóra do Grove.